ENTREVISTA A ALBERTO DAFONTE: “HAI UNHA CANTEIRA EXCELENTE QUE, ADEMAIS; É FUNDAMENTAL PARA COMPRENDER ÁS NOVAS AUDIENCIAS”.

Entrevista a Alberto Dafonte: "Hai unha canteira excelente que, ademais, é fundamental para comprender as novas audiencias".

22 marzo 2022
Digital , Social Media

Nos últimos anos as fake news están á orde do día. Xa sexan para alertarnos de que “Vampiro existe” como de bulos sanitarios ou políticos. Parece que a pandemia desatou esta tendencia, xa en alza dende había anos.

Alberto Dafonte é profesor de Comunicación Audiovisual e Publicidade na Facultade de Ciencias Sociais e da Comunicación. Ademais, é membro do grupo de investigación SEPCOM da Universidade de Vigo. Por se fose pouco, é o coinvestigador principal do proxecto “Narrativas digitales contra la desinformación. Estudio de redes, temas y formatos en los fact-checkers iberoamericanos”, financiado pola Axencia Estatal de Investigación.

Alberto tamén é ourensán, exprofesor dunha das integrantes do equipo de Nasas, que se lembra del con anéctodas como explicar o que é o raccord cun vídeo de Muchachada Nui, e admirador de contas de TikTok con tractores e chefs de receitas imposibles.

 

Nasas: Cando e porque nace o proxecto "Narrativas digitales contra la desinformación. Estudio de redes, temas y formatos en los fact-checkers iberoamericanos"?

Alberto: O grupo de investigación do que formo parte chámase "SEPCOM. Investigación en Comunicación para o Servizo Público", así que desde o momento no que o fundamos tiñamos o propósito de que a nosa actividade académica e investigadora tivese un impacto positivo na sociedade. Este proxecto responde a esa filosofía e céntrase nunha dimensión pouco estudiada dentro do campo das desordes informativas: como son e como se distribúen os contidos elaborados por aqueles que loitan contra a desinformación? Consideramos que a análise do que fan os verificadores (ou fact-checkers) e dos resultados que obteñen en termos de alcance e interaccións poden axudar a mellorar o seu impacto entre a cidadanía.


Nun mundo cada vez máis conectado e con máis recursos para conseguir información de diversas fontes, cal crees que é a razón destas fake news

As razóns poden explicarse dun xeito máis simple do que a priori pode parecer: por un lado, sempre existirán actores políticos e económicos propagando desinformación para xerar estados de opinión pública favorables aos seus intereses e, por outro, sempre existirán individuos dispostos a aceptar e difundir eses contidos falsos como mecanismo de defensa dos seus valores, crenzas e statu quo. Entre estes dous polos estamos unha chea de persoas sen tempo para verificar toda a información que nos chega, influenciados polos nosos propios sesgos cognitivos e co impulso pouco racional de compartir información sen estarmos seguros da súa veracidade.

 

Que te levou a involucrar ao alumnado neste proxecto e como o estás facendo?

Co meu alumnado desenvolvo un proxecto de Aprendizaxe-Servizo en colaboración con Ecos do Sur que está vinculado ao proxecto de investigación que mencionamos antes. Reflexionamos sobre a problemática da desinformación e creamos contidos para loitar contra ela que se distribúen a través de redes sociais. Os resultados son moi positivos porque aprenden sobre a materia na que se desenvolve o proxecto –Comunicación Televisiva–, sobre o problema da desinformación e, moi especialmente, sobre a temática concreta na que cada grupo decide centrar o seu traballo: racismo, educación afectivo-sexual, xénero, saúde mental, etc.

 

Como profesor de Teoría e Práctica da Comunicación Televisiva da FCSC, como ves a evolución no perfil dos estudantes? Hai canteira?

É moi popular o discurso de que as novas xeracións veñen peor formadas, pero eu non o comparto. Creo que as diferenzas que podo apreciar neste sentido teñen máis que ver cos cambios no sistema de valores no que eu, con 40, e eles, con 20, fomos educados. Véxoos máis tolerantes e abertos, máis receptivos á diversidade, máis conscientes da dimensión emocional das persoas... e todo iso paréceme moi positivo a nivel humano, pero tamén desde o punto de vista da creatividade ou do traballo en equipo. Hai unha canteira excelente que, ademais, é fundamental para comprender as novas audiencias.

 

Como ves a evolución das redes sociais? Atréveste a predicir como serán en 5 anos?

Responder a esta pregunta é arriscado porque as posibilidades de quedar mal son enormes! Vexo máis vídeos, máis filtros, máis realidade aumentada e máis intelixencia artificial; cambios derivados da necesidade de conectar as redes actuais co metaverso nun proceso de virtualización que inevitablemente estará cheo de etapas de ensaio-erro. 

Comparte
Código de verificación